Casco integral por estrada e un curso para poder manexar as motos de 125cc
Casco integral por estrada e un curso para poder manexar as motos de 125cc
A DXT introducirá novos requisitos na normativa sobre motos para reducir os sinistros mortais
Home de entre 35 e 64 anos e con máis de dez anos de carné. É o perfil que fai a Dirección Xeral de Tráfico dos falecidos en accidente de moto en 2023. Foron 299, un 19 por cemto mais ca o ano anterior. Unha cifra que a DXT considera inadmisible e que conduce o Goberno a preparar reformas como o casco integral (ou modular) obrigatorio pata circular por estrada.
"Ata agora o que máis se usaba en 125 era un casco jet e agora o que din que vai ser obrigatorio é o integral, que protexe mellor a parte inferior do cranio", explica José Arufe, de Terremoto.
É unha das medidas que incluirá a futura normativa para tentar diminuír os sinistros mortais. Outra novidade será que os condutores que -con tres anos de antigüidade no permiso B- podían levar motos de ata 125 terán que facer agora un curso, que no sector ven ben se se centra na práctica. Moitos usuarios de feito xa facían dúas ou tres prácticas de autoescola para ter unhas nocións básicas de manexo antes de botarse á estrada cunha 125cc.
Agora esténdese ademais recomendacións que antes eran só para as grandes cilindradas.
"Sobre a recomendación do airbag, moitos modelos novos das motos grandes xa os inclúen, pero como moitos accidentes son caídas vexo máis útil as pezas de roupa (chalecos, pantalóns ou monos) que levan incorporados coxíns de protección", explica Emilio Leis, de Motos Emilio Leis.
"Para min as luvas hai tempo que tiñan que ser obrigadas porque protexen unha das áreas máis vulnerables", engade José Arufe. Son algunhas das primeiras reaccións no mundo das motos ao anuncio destes cambios normativos. Reformas consecuencia dunhas cifras que no Goberno consideran malas.
"299 motoristas falecidos en 2023, é un autentico disparate", declarou Fernando Grande-Marlaska, o Ministro do Interior.
É un incremento dun 19 % nos sinistros mortais que se tentará corrixir con estas medidas. Reformas que aínda teñen que desenvolverse normativamente para que saibamos a letra pequena.