A intensa néboa complica a circulación na A-8 no alto do Fiouco, na operación retorno
A intensa néboa complica a circulación na A-8 no alto do Fiouco, na operación retorno
Tráfico recomendou desde primeira hora deste sábado un desvío alternativo pola N-634 que se prolongou durante nove horas
A autovía A-8, no seu percorrido polo alto do Fiouco permaneceu pechada desde esta madrugada do sábado ata primeiras horas da tarde polas néboas intensas nesta zona, en coincidencia coa operación retorno das vacacións de verán.
Tráfico pide extremar a precaución á hora de circular por esta vía, unha vez reaberta. A visibilidade é reducida na A-8 esta tarde desde o quilómetro 536 en Arroxo ata o 552 en Someiro, en Lugo, en ambos sentidos, pola néboa polo que Tráfico activou o nivel vermello nesta estrada.
A Dirección Xeral de Tráfico informa de que o corte se produciu contra as 05:00 horas deste sábado e aínda este mediodía permanecía pechada, o que complicaba para moitos a volta a casa na operación retorno.
A circulación de todo tipo de vehículos interrompeuse desde o quilómetro 536 en Arroxo ata o 522 no Someiro. Habilitouse o tradicional desvío alternativo pola N-534.
Esta situación de inclemencia meteorolóxica sucede nunha fin de semana na que Tráfico agarda máis de 600.000 desprazamentos pola rede de estradas galega, o 78 por cento dos previstos no noroeste de España.