Case 7 millóns de viaxes na estrada nun retorno gradual das vacacións
Case 7 millóns de viaxes na estrada nun retorno gradual das vacacións
O dispositivo comeza este xoves ás tres da tarde e estará activo ata a medianoite do domingo
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha ás tres da tarde deste xoves un dispositivo especial para regular os 6,8 millóns de desprazamentos de longo percorrido previstos nun retorno, que será gradual, das vacacións de verán.
Segundo informou este mércores a DXT, os condutores retornarán entre o xoves e o domingo, nuns desprazamentos desde as zonas turísticas de costa e descanso cara aos grandes núcleos urbanos que, ademais, coincidirán cos movementos de saída que se produzan tamén durante a fin de semana dos condutores que comezan as súas vacacións en setembro.
O xoves, entre as 19:00 e as 22:00 horas, prevense intensidades elevadas de circulación en sentido retorno e retencións nas principais estradas que unen as zonas do litoral e descanso cos grandes núcleos urbanos.
Xa o venres 1 de setembro, entre as 17:00 e as 22:00 horas, aos coches que regresen uniranse en sentido saída un número importante de condutores que farán o percorrido en sentido inverso.
Mentres, a maior afluencia de coches o sábado día 2 de setembro espérase entre as dez da mañá e as dúas da tarde.
O domingo 3 será o último día do retorno tanto daqueles que finalizan as súas vacacións como daqueles que gozaron da fin de semana, polo que entre as 16:00 e as 23:00 horas presentaranse intensidades elevadas de tráfico e problemas de circulación.
Ademais, tamén haberá dificultades en pasos fronteirizos polos movementos de retorno de vehículos de matrícula estranxeira cara aos seus países de orixe europeos.
Por todo iso, a DXT recomenda como sempre planificar as viaxes con antelación e, se é posible, evitar as horas máis desfavorables.
Vixilancia especial
Para velar pola fluidez e seguridade da circulación, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil terá a máxima dispoñibilidade dos seus axentes.
A eles unirase persoal funcionario dos oito Centros de Xestión de Tráfico e o encargado do mantemento de equipos e da instalación de medidas na estrada, ademais dos servizos de emerxencias.
Tamén vixiarán o tráfico 780 radares fixos de control de velocidade -dos cales 92 son de tramo-, 545 radares móbiles que poden ir embarcados nos vehículos da Garda Civil, 245 cámaras e 15 furgonetas camufladas para control do uso de móbil e cinto de seguridade.
A DXT dispón tamén de helicópteros e drons para a vixilancia desde o aire e de vehículos e motos sen rotular que circularán por todo tipo de vías co fin de comprobar o correcto comportamento dos condutores.
Con todo este fluxo de vehículos na estrada, a DXT estableceu unha serie de medias de regulación, ordenación e vixilancia do tráfico, co obxectivo de "facilitar a mobilidade e fluidez dos distintos usuarios da vía e velar pola seguridade de todos eles", entre os que destacan a instalación de carrís adicionais e reversibles con conos nos momentos de maior afluencia circulatoria e nas principais estradas de acceso ás grandes cidades.
Tamén restrinxirá a circulación de vehículos de mercadorías perigosas, transporte especial e camións en xeral e aos que transportan determinadas mercadorías en certos tramos, datas e horas; paralizará as obras nas estradas e limitará a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada.
Tamén deseñará itinerarios alternativos recomendados segundo orixe e destino, con distancias e tempos de percorrido e, nalgúns casos evitando a zona centro, que é a que máis intensidade circulatoria presenta.