Case toda España está en alerta por chuvia e treboadas
Case toda España está en alerta por chuvia e treboadas
Tan só libran do aviso as comunidades de Estremadura e as illas Canarias
Ademais de Galicia, outras catorce comunidades españolas permanecen en alerta por treboadas na xornada de hoxe. Son todas agás Estremadura e Canarias.
AEMET estima que as peores treboadas se poidan dar no Levante, con previsións de ata 30 litros por metro cadrado nunha hora. Concretamente Murcia está en alerta laranxa dende este mediodía, no resto do país o aviso é amarelo.
Así as cousas, hoxe poderían repetirse de novo imaxes de estragos e asolagamentos pola auga e o pedrazo en case calquera punto do territorio español. Así seguían esta mañá algunhas estradas de Madrid asolagadas pola intensa chuvieira que colapsou a capital onte á tarde. Os servizos de emerxencia atenderon en tres horas cerca de trescentas incidencias. Achicaron en garaxes e sotos inundados. Non se salvaron os do Ramón y Cajal. A auga caía nos corredores do hospital La Paz.
Os bombeiros tiveron que axudar a condutores sorprendidos polas balsas de auga en rúas e estradas. A tromba descargou pedrazo e deixou imaxes de coches atrapados por cortes de estradas e retencións de ata 29 quilómetros en autovías.
Afectou a liñas de metro e proximidade, e mesmo obrigou a desviar voos que tiñan que aterrar en Baraxas, a zona máis afectada e onde hoxe seguían atendendo chamadas.
As fortes chuvias tamén afectaron a Valencia, Murcia ou Atarfe, Foi unha das localidades máis danada pola última treboada que caeu en Granada. Asolagou sotos e negocios. E mesmo deixou veciños illados nas súas casas.