Catro cans, tres deles de raza pitbull, causan graves feridas a unha veciña de Muíños
Catro cans, tres deles de raza pitbull, causan graves feridas a unha veciña de Muíños
A muller de 70 anos, que temeu pola vida, ten trabadas por todo o corpo
Salvouse grazas á intervención da dona dos animais que tamén sufriu feridas
A cara de Feliciana Romero Rodríguez, vítima do ataque de catro cans en Barxés, fala por si soa. Aínda non sabe se salvará a vista do ollo esquerdo.
"Viñeron catro feras, correndo, e eu arrimeime a ver se pasaban e non me atacaban, pero non foi así", relata.
Ten trabadas e contusións practicamente por todo o corpo: nas pernas, nas nádegas e no pé esquerdo, que atravesaron de arriba abaixo.
"Paseino francamente mal porque me vin morta", lamenta.
Asegura que estaría morta de non intervir a dona dos animais que a atacaron cando ía buscar grelos a unha leira da súa propiedade.
"Empezou a quitalos pero, claro, botáballe man a un e os outros atacaban por outro lado".
Medo na aldea
Xa son poucos os veciños que se atreven a pasear pola aldea de Barxés e os que o fan, levan paus. Piden que os cans non anden soltos, sen bozo, porque aseguran que xa atacaron noutras ocasións.
O caso está agora en mans do Seprona. A muller denunciou e os médicos que a atenderon, no centro de saúde de Muíños e no hospital de Ourense, tamén deron parte das lesións, as físicas e máis o dano psicolóxico pola virulencia do ataque.