Catro galegos na trintena de condenados a prisión permanente revisable
Catro galegos na trintena de condenados a prisión permanente revisable
David Oubel foi o primeiro condenado en España a prisión permanente revisable
Á lista podería incorporarse José Luis Abet, acusado do triplo asasinato en Valga
David Oubel foi o primeiro condenado en España a prisión permanente revisable. Matou as súas fillas de catro e nove anos na súa vivenda de Moraña cunha radial e cun coitelo de cociña, despois de drogalas.
A súa crueldade conmocionou a sociedade. E durante xuízo o fiscal non puido conter as bágoas ao pedir para el a máxima pena. Foi declarado culpable por unanimidade.
Marcos Miras cumpre prisión permanente revisable polo caso de Oza Cesuras. Matou dun golpe na cabeza cunha pa o seu fillo de once anos en 2017.
A fiscal quixo demostrar que a intención foi "causar o maior dano posible e irreparable á súa exmuller". O pequeno estaba con el porque lle tocaba no réxime de visitas despois do divorcio. Asasinouno o Día da Nai.
Foi a condena para José Enrique Abuín, acusado de asasinar a Diana Quer, de 18 anos. A sentenza considera probado que o Chicle a matou en agosto de 2016, despois de agredila sexualmente, coa intención de ocultar este primeiro delito. 500 días despois localizábase o corpo, que agochara nun pozo.
A prisión permanente revisable foi condenado tamén o lucense Iván Pardo, por asasinar a súa sobriña de oito anos. Ocorreu en Huesca, en 2017. Torturouna ata matala por non facer os deberes.
Á lista podería incorporarse José Luis Abet, acusado do triplo asasinato en Valga: o da súa exmuller Sandra Boquete, e o das que foron sogra e cuñada. O xuízo celebrarase en marzo. As acusacións piden para el prisión permanente revisable.