Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sol anima a visitar os camposantos na xornada festiva previa a Defuntos

O sol anima a visitar os camposantos na xornada festiva previa a Defuntos

Día para honrar os defuntos e "estar cos nosos que non están"

Galicia é unha das comunidades que mantén máis viva a tradición de visitar os camposantos nesta ponte

G24.gal 31/10/2022 20:45 Última actualización 01/11/2022 15:03

É día de recordo, de lembranza dos seres queridos que xa non están. Hoxe, en Galicia, case é visita obrigada aos camposantos para lembrar os mortos. E eses cemiterios ofrecen hoxe a súa mellor imaxe: engalanados con flores que lles proporcionan unha cor diferente á habitual.

O camposanto coruñés de San Amaro ten visitantes acotío, tanto locais coma de fora, porque pola súa arquitectura e a súa situación a carón do mar está incluído na Ruta europea dos cemiterios. Pero nestes días a afluencia multiplícase porque son moitos os que senten que teñen unha cita ineludible aquí nas datas de defuntos

A cita en moitos casos repítese porque o día de encontro cos que se foron en realidade son tres. O ritual esténdese alomenos desde a véspera deste festivo de Todos os Santos ata o propio día dos defuntos.  

Aínda hai quen ven hoxe con flores, pero o máis habitual é adiantar a súa colocación. Tamén hai quen apura a faena por cuestións loxísticas, coma os que teñen os nichos nos niveis máis altos porque non sempre é doado atopar unha escada libre para acceder a eles. 

Hoxe é o día preferido para os que amais de visitar aos seus lles gusta ver o camposanto moi concorrido e ben adornado. Esta mañá festiva desfrutaron especialmente da visión de conxunto porque o sol axudou a vivificar as formas da pedra e o colorido das flores. 

Dúas mulleres achéganse nesta data sinalada ao cemiterio de Boisaca, en Santiago. Veñen facer o que moitos outros galegos e galegas. "Traéndolles flores xa se honran, máis non se lles pode facer.", ao que engade outra muller: "É un día moi sinalado para estar cos nosos que non están aquí".

Traerlles flores, aseguran, é unha das tradicións máis reconfortantes. Por iso estes días os cemiterios énchense de familiares, amigos, coñecidos ou veciños dos que xa non están. Honrar os defuntos segue sendo unha maneira de mantelos vivos.

"Pois si... Acordámonos todo o ano, pero nunha data coma esta parece que hai que poñerlles algo especial", "eu veño moitas veces aquí... Veño, estou un pouco e despois voume", "nós vimos cada mes, non somos de vir só un día. O que pasa é que para eles isto é como unha festa, e por iso sempre lle poñemos algunha cousa máis", contan as persoas que visitan os camposantos.

Quen non pode ir pide que vaian por el. As florerías amplían estes días os seus servizos para que ningún defunto quede sen flores.

Galicia é unha das comunidades que mantén con máis fidelidade a tradición de Defuntos. Será por iso que é tamén onde están algúns dos cemiterios máis premiados e recoñecidos de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos