Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chegan a Maceda unha vintena de refuxiados ucraínos

Chegan a Maceda unha vintena de refuxiados ucraínos

Trasladados por Protección Civil e o propio alcalde, desde a fronteira con Polonia

Tiveron que deixar un bebé que quedou hospitalizado

O concello entregoulles un caravel branco á súa chegada
G24.gal 13/03/2022 14:38

Desde a fronteira con Polonia chegaban esta mañá ao concello de Maceda os primeiros refuxiados que acolle a provincia de Ourense. Foi o propio alcalde con efectivos de Protección Civil, o que organizou este convoi no que trasladaron unha vintena de persoas.

"Ben, ben. Síntome segura", di Nina, mentres acariña a súa filla.

En canto baixaron dos coches, afloraron as emocións, por ambas as dúas partes.

"Emociona moitísimo porque nos implicamos ao cen por cento. Estivemos a menos dez graos, sensación térmica menos quince, perdidos polas aldeas, non coñeciamos nada, e timbrando casa por casa para localizar esta xente", di Emilio Aguete Gómez, bombeiro que participou no convoi .

A expedición partía de Maceda o martes pasado, cos coches ateigados de material de axuda humanitaria. Regresan tras un periplo que se complicou máis do que tiñan previsto.

Rubén Quintas, alcalde de Maceda: "Todos os que traemos perderon as súas casas polos bombardeos, as súas vidas. Esta tarde, tivemos que parar porque tres persoas non paraban de chorar polo seu pai, que non daban contactado con el".

Chegaron menos dos que contaban. Un bebé de dous meses tivo que quedar ingresado, e teñen previsto volver por el e a súa nai. Aquí, en Maceda, contan co apoio dos veciños. Segundo o alcalde, recibiron centos de propostas de acollemento.

Agora serán os servizos sociais e a Cruz Vermella os que se fagan cargo da asistencia destas familias e de buscarlles un domicilio axeitado ás súas necesidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade