Cheo completo no "triángulo de ouro" ourensán no primeiro Entroido de verdade en tres anos
Cheo completo no "triángulo de ouro" ourensán no primeiro Entroido de verdade en tres anos
O Entroido, xa a pleno rendemento tras a pandemia, inunda Galicia con especial protagonismo no interior
Ourense leva xa varias xornadas inmersa na gran celebración do Entroido tradicional, o primeiro a pleno rendemento desde 2019, no que peliqueiros, cigarróns e pantallas de Xinzo, Verín e Laza, animan as rúas e congregan multitudes. Así, a maioría dos establecementos hostaleiros da provincia colgan estes días o cartel de completo.
"Este ano o éxito vai máis aló do 'triángulo máxico' e xa ven os efectos en sitios como O Barco de Valdeorras, Trives ou a propia capital de provincia", explicou a Europa Press o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería, Comercio e Servizo de Ourense, Ovidio Fernández Ojea.
Apunta que este ano se nota "unha maior implicación por parte dos concellos" e tamén "unhas programacións máis amplas".
A falta de datos exactos sobre a ocupación hostaleira salienta que en moitos puntos "xa se colgou o cartel de completo" e que "se esgotarán" a maioría das case 7.000 prazas hostaleiras da provincia ourensá.
Nas tres capitais do triángulo máxico e nos municipios limítrofes "a ocupación é do 100%".
Os empresarios do sector do turismo agardan "millleiros de visitantes" por toda a provincia. Ademais, indicou que se espera un crecemento de turistas nacionais, xa que "agora hai máis facilidades de chegar a Ourense, grazas ao AVE".
O tirón dos entroidos en Galicia incrementouse nos últimos anos antes da pandemia, o que contribuíu á mellora dos datos de ocupación nos establecementos hostaleiros, sobre todo no interior galego, cunhas cifras que, desde o sector, indican que este ano "poden bater todos os récords".
Moitas entidades públicas e privadas decidiron promover conxuntamente as citas do Entroido e crear paquetes das experiencias.
Os cigarróns enchen Verín
A oficina de turismo de Verín explica que a localidade "está a lume de biqueira". Así, detalla que hai "moita variedade entre o tipo de asistentes", que van desde "xente nova e parellas a grupos de diferentes idades".
Sobre a procedencia dos que visitan a localidade para gozar do seu particular Entroido, "un 70 % dos que temos confirmados son de Galicia".
Con todo, o domingo, que coincide co Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns, é o día "que máis persoas de fóra esperan na vila". Ademais, desde a tarde ata a noite, diversas orquestras e charangas amenizarán tanto a veciños coma a visitantes.
Esta xornada chegarán ao municipio ourensán varios buses procedentes de puntos de Portugal como o Porto, Lisboa ou Aveiro, "xente de sitios que viñan habitualmente antes da covid-19", así como doutros lugares de España como Madrid ou Asturias.