Hai cinco galegos condenados a prisión permanente revisable
Hai cinco galegos condenados a prisión permanente revisable
Desde que se aprobou en 2015, a prisión permanente revisable aplicouse a cinco galegos.
David Oubel, o parricida de Moraña, foi o primeiro condenado en España a prisión permanente revisable. Matou as súas fillas de catro e nove anos na súa vivenda cunha radial e cun coitelo de cociña. "Que se impoña a pena de prisión permanente revisable", dixo no xuízo o fiscal, quen non puido conter as bágoas ao pedir para el a máxima pena.
A mesma pena que cumpre Marcos Mirás. Matou o seu fillo de once anos nun monte de Oza-Cesuras asestándolle varios golpes na cabeza cunha pa. A intención, segundo a fiscala, "causar o maior dano posible e irreparable" á súa exmuller. Foi o Día da Nai, de 2017.
Condenado por asasinato con aleivosía, a sentenza de José Enrique Abuín considera probado que matou a Diana Quer, de 18 anos, despois de agredila sexualmente, e coa intención de ocultar este delito. O corpo, que agochara nun pozo, localizárono 500 días despois.
Xulgado en Huesca, o lucense Iván Pardo tamén cumpre coa máxima pena, acusado de asasinar a súa sobriña de oito anos, en 2017, torturándoa ata matala.
O último condenado é Santiago Cepeda... por asfixiar o seu sobriño de tres anos na vivenda familiar.
Hai outra galega, Ana Sandamil, pendente da sentenza por matar a súa filla Desirée de sete anos. O xurado popular declarouna culpable, e afronta a petición de prisión permanente revisable.