Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco roubos con forza e un con violencia, na Coruña, nos últimos catro días

Cinco roubos con forza e un con violencia, na Coruña, nos últimos catro días

A Policía Nacional prendeu dous ladróns e investígase a súa participación noutros sucesos

Os comerciantes piden máis vixilancia por parte das forzas de seguridade

G24.gal 05/10/2023 14:18 Última actualización 05/10/2023 14:55

O último asalto aconteceu pouco antes das dúas da mañá deste xoves, en Zalaeta, nun salón de uñas que abriu as súas portas hai tan só tres días. O ladrón, tras romper o cristal da porta de entrada cunha tapa da rede de sumidoiros, accedeu ao interior. Unha vez dentro, foi directo á caixa rexistradora, colleu as poucas moedas que había, tirouna ao chan e fuxiu. É o quinto roubo con forza que se produce na cidade nos últimos catro días.

Nunha tenda de alimentación do Orzán tamén recibiron a visita dos amigos do alleo. Nela entraron despois de romper cunha barra de ferro un dos cristais do escaparate. Foron directos aos cartos e lograron fuxir con 120 euros.

Empregando o mesmo modus operandi, os cacos entraron noutro negocio de San Agustín. "Aquí romperon o cristal, pero foi tal o ruído que fixeron, que os veciños alertaron a policía. Marcharon sen nada", explican.

E nunha cafetería de Panadeiras repetiuse o caso. Rebentaron tamén o cristal do escaparate, pero un veciño que espertou, chamou a policía e os delincuentes fuxiron.

Onde si roubaron foi nunha tenda de roupa da Estreita do Santo André, que se estreou no sector hai tres meses. "Aquí fixeron igual ca nos outros negocios. Romperon o escaparate, entraron e levaron dez prendas de roupa e cartos. En total, uns 500 euros".

Todos eles interpuxeron denuncia e a Policía Nacional xa prendeu dúas persoas ás que se lles investiga a súa participación en varios destes roubos. Porén o que tivo peores consecuencias foi o roubo con violencia que sufriu a froiteira dun local do barrio da Sagrada Familia. Aconteceu a plena luz do día e a muller sufriu varias coiteladas. Esta mañá o seu negocio continuaba pechado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade