Cinco toneladas de castañas saen de Galicia en pequenos paquetes de Correos cada temporada
Dezasete oficinas das principais zonas produtoras ofrecen os envíos de castañas cunha tarifa plana de 15 euros
Ata cinco toneladas de castañas por temporada saen de Galicia cara a outras autonomías en pequenos paquetes de correos. Son normalmente agasallos que os galegos envían a familiares e amigos que viven fóra. Envíos para os que Correos fai unha oferta especial. A promoción consiste nunha tarifa plana de 15 euros por envío e está vixente ata o 30 de novembro para todas as autonomías do territorio peninsular.
A demanda sobrepasa en Galicia as cinco toneladas por temporada e Correos vai aumentando a oferta nas oficinas de referencia das zonas produtoras. Xa ofrecen este servizos as do Barco, A Rua, Trives, A Gudiña, Viana do Bolo, Verín, Castro Caldelas, Allariz, Verín, Bande e Maceda, Becerreá, Chantada, Escairón, Quiroga, Samos, Sarria e Silleda.
"Cada ano temos máis oficinas coas que estamos traballando porque a demanda así o esixe. A xente utiliza para enviar a familiares que están en todo o territorio nacional a un prezo máis asequible, nunha caixa que xa nós proporcionamos para que o envío sexa máis adecuado", explica David Sarmiento, reponsable da Oficina de Correos en Bande.
Tarifa plana, 15 euros por envío, e un máximo de 30 quilos. Co compromiso da chegada a destino en menos de 48 horas.