O exmozo de Déborah declara este venres como investigado
O exmozo de Déborah declara este venres como investigado
Apareceu ADN masculino baixo unha unlla de Déborah
O exmozo de Déborah está citado a declarar este venres por vez primeira nos xulgados desde hai vinte anos. Faino como investigado, algo que interrompeu a prescrición. A súa declaración en Tui coincide case coa chegada de parte dos resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía. Atoparon ADN masculino baixo unha unlla da vítima e concluíron que un cabelo era realmente un plástico alimentario PVDC.
A familia da vítima xa pediu a ampliación da proba pericial para determinar os marcadores xenéticos achados.
No que atinxe á exploración do vehículo do principal sospeitoso, desta volta si que apareceron pegadas biolóxicas humanas e de animais.
A familia valora esta declaración cun sentimento agridoce, logo do traballo ímprobo que desenvolveron para a reapertura do caso e a exhumación da moza. Para eles é moi importante, xa que o exmozo de Déborah incorreu en contradicións cos seus achegados e tamén consigo mesmo, chegando a recoñecer que mentira porque tiña medo a que o investigasen.
Durante a investigación cometéronse erros como a perda do móbil da moza na comisaría ou non inspeccionar o vehículo do agora imputado, que, segundo algúns testemuños, cheiraba mal logo da desaparición da moza.