Publicador de contidos
Publicador de contidos

Esmorecen as opcións de atopar superviventes en Turquía e Siria

Esmorecen as opcións de atopar superviventes en Turquía e Siria

Superadas as 72 horas dos primeiros terremotos, cada rescate con vida considerarase un milagre

As Nacións Unidas estiman necesarios 46 millóns de euros para atender o medio millón de persoas afectadas

A Unión Europea convocou para marzo unha conferencia de doantes co fin de recadar fondos

Continúa o rescate de vítimas entre os edificios derrubados
G24.gal 09/02/2023 08:38 Última actualización 09/02/2023 09:44

A partir deste xoves, superadas as 72 horas, cada rescate con vida xa se considerará milagroso. Con temperaturas baixo cero, a cada hora que pasa esmorecen as esperanzas de atopar xente viva.

Coa calor de pequenas fogueiras, familiares e sobreviventes agardan rodeados de cascallos a que se produza o milagre. E seguen producíndose. 

O equipo de resposta inmediata da Comunidade de Madrid rescataba nas últimas horas un home turco de 65 anos. 

Pero centos de persoas desaparecidas seguen sepultadas baixo os cascallos dos máis de seis mil edificios derrubados en Turquía.

Ante as críticas pola xestión e a lentitude na resposta, o presidente turco Tayyip Erdogan visitaba unha das zonas afectadas.

Admitiu que houbera dificultades para acceder a determinados lugares, sobre todo polo estado dalgunhas estradas, estragadas tras os sismos. Prometeu que nun ano todo estará reconstruído e que, tras os primeiros problemas, agora a situación está baixo control.

Rescate en Siria

O Goberno turco está traballando para abrir dous pasos na fronteira con Siria, onde segue sen entrar a axuda humanitaria e son os Cascos Brancos, voluntarios que operan na zona opositora, os que levan a cabo os rescates. 

O réxime de Damasco tardou tres días en pedir axuda á UE, que enviará asistencia humanitaria por valor de 6,5 millóns de euros. Ademais, o primeiro convoi da ONU entrará aínda este xoves, catro días despois dos terremotos. 

Unha oficial de rescate da Media Lúa Vermella que traballa en Alepo conta que as condicións son moi difíciles, que non saben canto seguirá a misión de rescate, pero que aínda seguen atopando xente con vida. Nas áreas controladas por Al-Assad hai preto de 300.000 persoas desprazadas. 

Axudas da ONU e da UE

O Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas estima que serán necesarios 46 millóns de euros para atender o medio millón de persoas afectadas polos terremotos.

A Unión Europea convocou para primeiros de marzo unha conferencia de doantes para recadar fondos para os damnificados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade