Cobradores de morosos tentan reclamar unha débeda con ameazas en ruso
Cobradores de morosos tentan reclamar unha débeda con ameazas en ruso
Gravaron un vídeo imitando o acento ruso para ameazar un presunto moroso
A empresa de cobradores despediu o traballador que enviou o vídeo
No vídeo escóitanse dous traballadores dunha empresa de cobro de morosos proferir ameazas imitando o acento ruso. Enviar este vídeo custoulle o posto de traballo a un destes falsos rusos.
A empresa despediuno, non por gravalo, senón por envialo. Din que entenden que a gravación puido facerse coma unha broma entre compañeiros, pero que enviar o vídeo é grave e queda fóra do código de conduta da empresa.
Con todo, dende a empresa din que non saben nin cando nin a quen foi enviado ese material.
"O traballador admitiu que enviara o vídeo e foi despedido", explica Cristina Correa, delegada comercial en Galicia do Buda do Moroso, "pero non sabemos a quen llo enviou porque borrou o móbil antes de entregalo"
Explican que a orixe desta lea está nun contrato incumprido. O excliente, presunta vítima destas ameazas, contratou os servizos da empresa para reclamar unha débeda de 8.500 euros. Aos poucos días comunicoulles a rescisión do contrato a través dun despacho de avogados.
Aí comezaría presuntamente o acoso por parte da empresa, que ten unha denuncia interposta por iso na Garda Civil. Pero dende a empresa de cobro negan as ameazas e din que son eles os que van demandar o cliente por incumprimento de contrato.