Centos de persoas reclaman na Coruña a retirada do plan da eólica mariña
Centos de persoas reclaman na Coruña a retirada do plan da eólica mariña
Aseguran que o plan supón un "golpe mortal para o sector pesqueiro galego" e piden a dimisión da ministra de Transición
O Goberno reitera o seu "compromiso de diálogo" e reivindica o plan como "unha oportunidade"
Pescadores e patronal eólica discrepan sobre o impacto dos muíños no medio mariño
Centos de persoas manifestáronse este sábado na Coruña, fronte á Delegación do Goberno, para esixirlle ao Executivo que retire o Plan de Ordenación de Eólica Mariña (POEM), xa que, ó seu suízo pode "acabar co sector pesqueiro máis puxante de España e de Europa".
Á concentración, convocada pola plataforma Eólica Así Non, asistiron representantes dalgunhas das 200 entidades sociais do ámbito pesqueiro, ecoloxista e social, non só de Galicia, senón tamén de Asturias e Portugal.
Basilio Otero: "Queremos que nos deixen traballar"
Na marcha reclamaron a retirada do POEM, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira, e unha reunión co presidente do Goberno. Buscan "tentar convencer" ao Goberno de que baixen "da nube na que viven" e, sobre todo, piden "que nos deixen traballar",como sinalaba o presidente da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, Basilio Otero.
A plataforma insta a que se fagan os estudos de impacto ambiental. Asegura que os pescadores de Portugal -onde xa existen parques eólicos mariños- contáronlles que "en toda a zona de ao redor dos eólicos non hai vida, non hai pesca" e estuda recorrer ante o Tribunal Supremo o Decreto xa que, "supón un ataque ao noso modo de vida e a todo o ecosistema e non podemos quedarnos de brazos cruzados".
Na protesta participaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e outras figuras da formación nacionalista como Ana Miranda, Francisco Jorquera ou Mercedes Queixas.
Ana Pontón: "Vai supor un golpe mortal para a pesca"
A portavoz nacional do Bloque expresou o apoio do BNG ás demandas dos manifestantes. Ana Pontón xustificou a súa presenza na concentración para "dicir alto e claro que non se pode permitir que se destrúan miles de postos de traballo no mar" e qe se poña en risco o sector marisqueiro e pesqueiro "única e exclusivamente polos intereses do lobby eléctrico".
A líder do BNG denuncia que "queren converter a Galicia nunha colonia enerxética de Madrid" pero recalca que "a nosa costa non está en venda, non é un lugar onde as eléctricas sigan facendo caixa".