Comeza a descarga de carbón en Ferrol con destino á térmica das Pontes
Comeza a descarga de carbón en Ferrol con destino á térmica das Pontes
A central podería volver á actividade se fose preciso producir enerxía
No porto de Caneliñas, en Ferrol, comezaron a descargar as 165.000 toneladas de carbón que a partir do luns chegarán á central térmica das Pontes. Medio cento de camións transportarán diariamente entre 6.000 e 7.000 toneladas.
Mentres, na planta traballan na posta a punto dos dous grupos que están operativos para que poidan poñerse en funcionamento cando a operadora o reclame.
O persoal afronta con esperanzas o último trimestre do ano, coa vista posta na chegada de novos buques cargados de carbón que se agarda para as vindeiras semanas.
"O consumo dun grupo vén sendo unhas 4.000 toneladas diarias, así que estariamos falando duns corenta días de funcionamento. (...) Déronnos un horizonte de traballo ata o 30 de xuño. Estannos dicindo que tanto para as empresas auxiliares coma ao persoal propio vánsenos manter os postos de traballo ata o 30 de xuño, polo tanto dáche algo de certeza", asegura Ricardo Casas, presidente do comité de empresa.
Hai uns meses, cando a térmica se desacoplou da rede, o peche parecía próximo e definitivo. A veciñanza das Pontes valora o cambio de plans.
O Goberno autorizou pechar dous dos grupos da planta. Os outros dous precisan labores de mantemento para poñelos de novo a funcionar. Calculan que un podería estar en disposición técnica este mes e o outro a finais de ano.