O Goberno autoriza o peche da central das Pontes e impulsa a súa reconversión
O Goberno autoriza o peche da central das Pontes e impulsa a súa reconversión
O executivo asegura que non supón riscos para a subministración eléctrica
As Pontes dirá adeus á maior térmica de España, que leva 47 anos en funcionamento
A central térmica das Pontes queima as súas últimas reservas de carbón, unhas 200.000 toneladas, das que quedan unhas 100.000 que mantiveron a cheminea da factoría coa fumeira durante o verán. En canto se esgoten, Endesa, a súa propietaria pechará de xeito definitivo.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) autorizou a solicitude de peche da central termoeléctrica das Pontes, da Coruña, presentada pola empresa propietaria, Endesa, e tras o informe favorable de Rede Eléctrica de España (REE) sobre a compatibilidade do peche coa seguridade de subministración do sistema eléctrico.
Nun informe previo, e nun contexto de "tensión" nos mercados enerxéticos causada pola invasión de Ucraína, REE xa contemplaba o peche de dous grupos da central, mentres que os outros dous poderían pecharse de forma condicionada á dispoñibilidade de potencia.
Agora, "tras a estabilización destes mercados", REE emitiu un novo informe que constata a compatibilidade do peche coa seguridade de subministración eléctrica, polo que, segundo indicou o MITECO, os plans para a reconversión industrial da zona prevén un investimento superior a 2.500 millóns de euros e xerarían máis de 1.300 empregos directos, apoiando unha transición xusta.
Desta maneira, o MITECO busca "impulsar unha transición xusta para a zona", polo que grazas aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), están a lanzarse programas de apoio para proxectos enerxéticos innovadores. Neste sentido, nos concursos de acceso o ministerio prioriza aquelas propostas situadas en zonas con centrais en proceso de peche, como a das Pontes, onde xa se concedeu unha axuda de 15 millóns á primeira fase do proxecto H2Pole de EDP e Reganosa.
Nesta fase prevese a construción dunha planta de produción de hidróxeno renovable, cun investimento de 156 millóns e a creación dun cento de empregos, entre directos e indirectos, na fase de explotación.
Así mesmo, o MITECO apoia proxectos municipais, como o desenvolvemento dun centro loxístico no polígono industrial de Penapurreira, nas Pontes, "que dea servizo ás empresas con problemas de almacenaxe e ao transporte por estrada afectado polo peche da central, adxudicado a través dunha convocatoria en 2021". Ademais, a través da convocatoria de axudas a infraestruturas ambientais, sociais e dixitais, concedéronse 6,8 millóns a outros 11 proxectos. Moeche desenvolverá un Centro de desenvolvemento Económico e Social da mán de asociacións locais; AS Somozas rehabilitará as antigas escolas municipais para vivenda social e equipamento sociocomunitario; Cabanas creará un espazo de co-working para emprendedores e microempresas, e Cerdido, Mañón, San Sadurniño, Ortigueira, Vilalba e Xermade realizarán distintos proxectos.
Na mesma liña, co obxectivo de "impulsar a xeración de emprego na zona", MITECO lanzou convocatorias de axudas a proxectos de investimento empresarial dotadas con 50 millóns de euros, actualmente en fase de valoración de solicitudes.
A estas axudas de xestión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico únense os 111 millóns de euros achegados polo Fondo de Transición Xusta da Unión Europea á Xunta de Galicia para mitigar os impactos dos peches das Pontes e Meirama.
Desmantelamento
Os traballos vanse prolongar catro anos conforme estima Endesa coa participación duns 130 traballadores que participaron en cursos de formación. As Pontes pecha a maior central térmica de España despois de 47 anos en funcionamento e Galicia deixa polo camiño 1.469 megawatts de potencia instalada, pero é certo que agora só a metade desa capacidade segue dispoñible.
O plan de reconversión industrial para a zona mitiga as consecuencias
Outros proxectos
Ao tempo, en abril de 2020, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico impulsou e asinou o acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche cos sindicatos e as empresas propietarias no que se require aos axentes implicados un impulso para a reconversión das zonas afectadas.
En cumprimento deste acordo, Endesa comprometeuse a promover proxectos de reconversión que estima se traducirán nun investimento de 2.682 millóns e máis de 1.300 novos empregos directos.
Sentury Tire instalará unha fábrica de pneumáticos nos terreos da antiga mina. Cun investimento de 477 millóns a empresa prevé a creación de 750 empregos e dinamizar o volume de tráfico do Porto de Ferrol. Ence situará unha fábrica de biocombustibles, bioprodutos e celulosa especial, cun investimento duns 380 millóns, xerando 150 empregos directos, e case un milleiro sumando indirectos e inducidos.
Xunto a estas iniciativas industriais, Endesa comprometeuse a dar un impulso loxístico á terminal do Porto de Ferrol, a crear un centro loxístico, a impulsar un proxecto de hidróxeno verde, a materializar un plan de formación para as persoas da contorna e a priorizar traballadores directos e auxiliares da central na formación, desmantelamento e novos desenvolvementos na zona.