Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os traballadores da térmica das Pontes agardan que a produción se manteña cando menos seis meses

Os traballadores da térmica das Pontes agardan que a produción se manteña cando menos seis meses

Endesa baralla pechar totalmente a central das Pontes no primeiro trimestre de 2023

Pretende instalar 1.300 MW eólicos para susbtituír os 1.400 da térmica para reconverterse nunha compañía libre de emisións cara ao 2040

G24.gal 26/11/2022 11:26 Última actualización 26/11/2022 17:41

A central térmica das Pontes cun grupo operativo está en situación de funcionamento de mercado normal, aseguraba no programa Bos Días da TVG o presidente do comité de empresa de Endesa, Ricardo Casas.
 

"A central está operativa para o sistema, o operador require a partir das condicións de demanda eléctrica que hai a entrada das diferentes enerxías; as renovables teñen prioridade e a partir de aí complétase. Mentres o prezo do gas está empezando a subir porque se achega o frío, hai que recorrer a el, isto tensiona o mercado, o gas respecto ao carbón resulta máis rendible e máis barato que producir con gas, entón estamos producindo, pero todo vai evolucionando conforme o mercado. É un funcionamento normal. Todo en función da oferta e da demanda de electricidade que hai. Non se pode avaliar unha data na que poderiamos arrancar ou parar", asegura Ricardo Casas.

O grupo 1 da central está en funcionamento e nestes momentos revísase un segundo grupo por se fora preciso utilizalo.

"Realízanse as revisións precisas coas contratacións de persoal para que estea dispoñible no caso de que se teña que substituír o que está en marcha se tivera problemas.  Estímase que en febreiro poida estar operativo se é necesario que funcione", di Casas.

O comité de empresa de Endesa e os sindicatos insisten en que xa dixeron que era precipitado solicitar o peche da central, desaloxar a toda a xente que había aquí e demostrouse que houbo que volver dúas veces. Aseguran que agora teñen garantido que van estar ata o 30 de xuño.

"Pedimos e intentamos facerlle entender á empresa e ás Administracións que se axilicen os proxectos dos que se fala para a térmica das Pontes: proxectos vertebradores como con Alcoa, de Century, dos parques asociados. Solicitamos que non haxa máis movementos de persoal, que se aguante mentres evolucionan os plans. Que teñamos a maneira de facer unha transición lóxica", apunta o presidente do comité de empresa.

Insisten en que falar dunha previsión de peche para o primeiro trimestre é "un pouco un engano" coas condicións de mercado estando como están.

"Desprenderse das enerxías pódese facer cando temos unha substituta preparada, non antes. Non podemos ir facendo aventuras segundo nos cadra no tempo e hai que ver como mudan as situacións", insiste Ricardo Casas.

Os representantes dos traballadores entenden que polo menos os seis meses que lles aseguraron que van estar nas Pontes hai moitas posibilidades de seguir producindo.

"Non sei se despois se poderá continuar ou non, porque a situación internacional, co gas, coa guerra, cos problemas que hai agora non sabemos se vai cambiar respecto a como estamos agora. Non entenderiamos que non haxa nada que poida substituír o gas se fora preciso. Co que se agora somos necesarios, daquela seriamos tamén un apoio para producir enerxía", argumenta o presidente do comité de empresa das Pontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade