Comeza a ponte con movemento nas estradas, estacións e aeroportos
Comeza a ponte con movemento nas estradas, estacións e aeroportos
Agárdase que as estradas galegas rexistren un 13 % dos 13,5 millóns de desprazamentos previstos en toda España
Comezou unha das pontes máis longas do ano, e iso nótase nas estradas, nas estacións de tren e nos aeroportos. Hai moito movemento de xente. Despois de dous anos de restricións hai ganas de viaxar, e iso, nótase.
As illas Canarias seguen sendo o destino favorito das persoas que buscan sol e praia. Tamén hai quen prefire lugares máis exóticos como Exipto ou Laponia. Dentro do turismo nacional, Galicia está entre os destinos preferidos.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé máis de 175.500 desprazamentos na rede viaria galega e outras zonas do noroeste español, durante a operación especial que comezou este venres ás 15:00 horas e prolóngase ata a medianoite do domingo, día 11.
Vías con máis tráfico
Segundo sinala a DXT nun comunicado, agárdase que as estradas galegas rexistren un 13 % dos 13,5 millóns de desprazamentos previstos en toda España durante a operación especial. As vías nas que se prevé unha maior intensidade de tráfico son a AP-9, a A-6, a A-8, a A-52 e a A-55.
Tamén se agarda tráfico intenso na N-550. Por este motivo, a DXT preparou un operativo especial que inclúe medidas de regulamento, ordenación e vixilancia que garantan a mobilidade e a fluidez nas estradas e, ao mesmo tempo, velen pola seguridade viaria.