Comeza a reconstrución da Palma tras o final da erupción
Comeza a reconstrución da Palma tras o final da erupción
Os científicos seguen vixiando as coadas e os gases na illa
Os veciños non volverán ás súas casas ata que sexa seguro
Tras o final da erupción do volcán de Cumbre Vieja, comeza a reconstrución na illa da Palma. Aínda que o dispositivo de emerxencias se vai ir desmantelando, o comité científico seguirá alerta e pendente de determinados parámetros nas próximas semanas.
Tamén o regreso dos veciños ás súas casas será gradual e realizarase cando sexa seguro. Pode ser en meses. Hoxe o presidente do Goberno visita por oitava vez a illa.
Tras o final da erupción do volcán de Cumbre Vieja, a illa da Palma quere reconstruír o seu futuro canto antes. Exército e veciños afánanse en retirar as últimas capas de cinsa das casas que se salvaron das coadas. Queda moito traballo por diante, pero os palmeiros respiran con alivio tras darse por finalizada a erupción que comezaba o 19 de setembro.
Hoxe, os científicos do Pevolca van analizar as coadas que aínda están quentes, mentres seguen monitorizando o volcán á espera de que a lava arrefríe e se desgasifique a zona afectada. Mentres os niveis non baixen, os veciños non poderán regresar ás súas casas.
O volcán está durmido, din os vulcanólogos, pero insisten en que a actividade no subsolo persiste e, polo tanto, o perigo.
Realoxar os sete mil evacuados é o primeiro paso da reconstrución. Hoxe empezarase a estudar o plan de realoxamentos. Tamén se vai traballar xa en recuperar as parcelas afectadas pola lava, restaurar as subministracións de auga e luz e reconstruír as estradas de acceso.
Inda que segue a emerxencia, os palmeiros poden descansar tras 85 días de pesadelo. O final da erupción foi o mellor regalo de Nadal para eles tras un 2021 que quedará gravado na memoria colectiva da illa.