Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a vendima na denominación de orixe Monterrei

Comeza a vendima na denominación de orixe Monterrei

G24.gal 01/09/2022 21:20

A vendima comeza este ano en Monterrei algo máis cedo do habitual debido, din, ás condicións climatolóxicas: a falta de precipitacións e as altas temperaturas que houbo nos últimos meses.

A primeira en iniciar eses traballos en Monterrei foi a adega Castro de Lobarzán, en Vilaza.

Coidan que vai ser unha colleita algo menor respecto a outros anos, pero que a calidade será moi similar e que van sobresaír especialmente os viños tintos. 

No viñedo de Vilaza traballan dende ben cedo. Son os primeiros en comezar a vendima nesta denominación de orixe Monterrei.

Empezan uns dez días antes do que sería habitual. Inflúe o terreo e a orientación da viña, pero este ano suma ademais outros factores.

"As poucas precipitacións que houbo este ano, a seca tremenda, a insolación que afectou moito a variedade godello: acios xa secos de todo, hai unha redución da colleita, polo tanto adiántase a maduración da uva e hai que recollela no seu punto", explica Xosé Manuel Fernández Justo, da Adega Castro de Lobarzán.

Un ano de tintos

Contan que a insolación e a seca dos acios vai provocar un menor rendemento na colleita, pero non hai dúbidas en canto á calidade, sobre todo nas variedades tintas. 

"O que fan estas calores extremas é que ao mellor poidan perder certa frescura os viños brancos, por iso hai que anticipar un pouco a vendima, non intentar que teñan uns graos alcohólicos altos para que estea equilibrado o alcol e a acidez. Eu penso que este ano vai ser un ano de tintos, porque os tintos van madurar moi ben, sobre todo a pel da uva, que é o interesante, que madure completamente para que non haxa verdores, para que teña corpo, complexidade", comenta Xosé Manuel Fernández Justo, da Adega Castro de Lobarzán

En Monterrei prevén recoller este ano arredor de seis millóns de quilos de uva nas 657 hectáreas que conforman a súa denominación de orixe.

Algo menos, arredor de cinco millóns de quilos, é o cálculo que fan en Valdeorras. Aí comezaron a vendima hai unha semana. Unha das máis temperás que se realizan nos últimos anos nos viñedos amparados pola denominación de orixe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade