Publicador de contidos
Publicador de contidos

O EC4rural ensaia en 22 concellos galegos un modelo enerxético social e sostible

O EC4rural ensaia en 22 concellos galegos un modelo enerxético social e sostible

A iniciativa da UE busca que os consumidores das áreas rurais se constitúan en comunidades de produtores de enerxías limpas

G24.gal 06/02/2024 13:53 Última actualización 06/02/2024 14:07

Que a transición enerxética non deixe atrás as comunidades rurais é o obxectivo dun programa europeo que escolle como zona piloto 22 concellos galegos. Queren constituír neles comunidades enerxéticas, para que os consumidores desas áreas sexan tamén produtores de enerxías limpas.

Os promotores da iniciativa subliñaron que moitos concellos galegos que son grandes produtores de enerxía teñen, con todo, a renda per cápita por baixo da media. 

O que queren agora é promover as enerxías limpas, constituíndo comunidades enerxéticas onde a cidadanía obteña beneficio.

"Podemos conseguir solucións verdes, pero que non son xustas desde o punto de vista social e territorial porque o medio rural non está a ser o actor principal. Pero o que queremos é converter o medio rural en protagonista dese cambio de modelo", explicou Xavier Simón, coordinador do Proxecto.

Levan o temón desta iniciativa na Universidade de Vigo e contarán coa colaboración dos grupos de desenvolvemento rural e dos concellos.

 "Queremos contribuír a facilitar ese camiño de apoderamento local e social, a promover un sistema enerxético descentralizado, social e sostible", dixo Alberto Varela, o Presidente da FEGAMP.

Para iniciar o camiño fixaranse en aldeas modelos como a de Infesta, en Monterrei.

"A produción de restos de poda, que hai nos montes da contorna, para crear unha comunidade enerxética, poñer unha caldeira, un sistema de distribución e dar servizos aos veciños", explicou Jorge Blanco, subdirector de Promoción Rural Intelixente. 

O proxecto EC4rural da Unión Europea achega financiamento para este cambio de modelo: pasar de ser consumidores a "prosumidores", que consomen e producen, polo ben dunha transición que sexa socialmente xusta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade