Comeza esta fin de semana a vacinación contra a gripe nos menores de entre seis meses e cinco anos
Comeza esta fin de semana a vacinación contra a gripe nos menores de entre seis meses e cinco anos
O Sergas enviou unha mensaxe para citar os proxenitores de todos os nenos e nenas aínda sen vacinar
Hai máis de 50.000 nenos citados en Galicia para poñer a vacina
A Dirección Xeral de Saúde Pública arrinca, esta fin de semana, a vacinación contra a gripe dos menores de entre seis meses e cinco anos. O Sergas enviou máis de cincuenta e cinco mil mensaxes para citar os proxenitores dos nenos e nenas nos diferentes hospitais galegos para iniciar a súa campaña masiva de vacinación.
Sanidade destaca "a importancia que posúe inmunizar os pequenos fronte á gripe", co obxectivo de protexer os nenos, dende ben pronto, das complicacións derivadas deste virus. Ademais, recomenda a administración das doses para o seu tramo de idade.
"Por agora non estamos tendo un número significativo de casos de gripe significativo, porén é un bo momento para vacinarse", asegura Lorenzo Redondo, pediatra do CHUS
Este ano a campaña contra a gripe incorpora novidades.
"Os nenos menores de nove anos que antes recibían dúas doses, actualmente nesta campaña so van recibir unha dose de vacina de gripe, que se pensa que é suficiente. Soamente nos nenos de risco menores de nove anos e que se vacinen por primeira vez, teñen que recibir dúas doses", dixo Redondo.
Todos os centros de saúde galegos recibirán ao longo desta fin de semana aos meniños menores de cinco anos, menos no hospital de Monforte de Lemos (Lugo), o cal é substituído polo IES Río Cabe.
No caso dos hospitais ourensáns do Barco de Valdeorras e Verín, as citas están fixadas para a seguinte fin de semana (25-26 novembro). Nesas dúas xornadas tamén se completará a vacinación contra a gripe nas áreas da Coruña-Cee, Vigo, Santiago-O Barbanza e Ourense.