Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza na Audiencia de Pontevedra o xuízo polo crime de Jéssica Méndez en Barro

Comeza na Audiencia de Pontevedra o xuízo polo crime de Jéssica Méndez en Barro

A Fiscalía solicita para o acusado 24 anos por un delito de asasinato agravado por motivos de xénero 

Segundo o Ministerio Público, fíxoo motivado polo "odio" que sentía cara a ela por non ser correspondido 

O lugar onde a vítima foi atacada
G24.gal 10/03/2024 18:10 Última actualización 10/03/2024 21:58

A Audiencia de Pontevedra acolle o xuízo contra J. C. E. I., acusado de matar co seu coche a Jéssica Méndez en Barro, no mes de marzo de 2022. A Fiscalía pide para el unha pena de 24 anos de prisión por un delito de asasinato con agravante por motivos de xénero.

O xuízo comeza este luns coa constitución do xurado popular encargado de determinar se o procesado é culpable de asasinar co seu vehículo a vítima, ao arremeter contra o seu coche cando ía incorporarse a unha estrada.

Segundo o Ministerio Público, fíxoo motivado polo "odio" que sentía cara a ela por non ser correspondido nos seus sentimentos afectivos.

No escrito de acusación, a Fiscalía considera que os feitos ocorridos na mañá do 17 de marzo de 2022 son constitutivos dun delito de asasinato cualificado pola aleivosía coa agravante de motivos de xénero, polo que solicita unha pena de 24 anos de cárcere.

Durante a semana está previsto que pasen pola Audiencia de Pontevedra un total de 19 testemuñas, once axentes da Garda Civil, cinco peritos e dous forenses para responder as preguntas das partes.

O detido cando foi declarar aos xulgados de Caldas de Reis O detido cando foi declarar aos xulgados de Caldas de Reis

Os feitos

Jéssica Méndez faleceu no hospital 24 horas despois de que ás 9:25 horas do 17 de marzo de 2022 un Seat Toledo que manexaba o acusado batera contra o seu coche a unha velocidade de 80 quilómetros por hora.

O impacto, segundo recolle o escrito de acusación, produciuse no lateral esquerdo (é dicir, o do piloto) do Seat Ibiza da vítima, que se atopaba totalmente parada sobre a vía á espera de incorporarse á N-550.

Antes, continúa a Fiscalía, o acusado recoñecera o coche de Jéssica Méndez e decatouse de que esta estaba ao volante, polo que manobrou para dirixirse cara a ela "co ánimo de acabar coa súa vida".

Fíxoo "sen darlle ningunha posibilidade de reacción ou de defensa", movido pola "indignación ou o odio" que lle xeraba o "silencio ou desprezo da vítima durante un tempo tan prolongado" respecto "ás pretensións sentimentais ou afectivas que albergaba o investigado da finada".

Flores na sepultura de Jéssica Méndez Flores na sepultura de Jéssica Méndez
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade