Normalidade nas estradas galegas con algunhas retencións no retorno da Semana Santa
Normalidade nas estradas galegas con algunhas retencións no retorno da Semana Santa
O accidente dun camión dificultou a circulación no quilómetro 117 da A-52
O luns ás doce da noite remata o operativo que botou a andar o venres 31 de marzo
Normalidade nas estradas galegas principais no primeiro retorno da operación especial de Semana Santa que se puxo en marcha o venres 31 de marzo. Porén, durante a tarde producíronse algunhas retencións.
A máis importante rexistrouse no quilómetro 117 da A-52, á altura de Vilavella. O accidente dun camión, cargado con madeira e que comezou a arder, obrigou a cortar a autovía en dirección Benavente.
Este luns bota a andar a segunda fase da volta á casa nas comunidades onde é festivo. Son Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares, Navarra, Euskadi e A Rioxa.
Durante o domingo, os esforzos concentráronse nas comunidades de Madrid, Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Galicia e Murcia.
A Dirección Xeral de Tráfico chama á prudencia e lembra a recomendación de cero alcol, conducir a unha velocidade adecuada, facer descansos cada dúas horas ou 200 quilómetros e poñer o cinto.
A primeira hora os principais problemas producíronse nas zonas de destino e no litoral. Xa pola noite, as dificultades desprazáronse aos accesos dos núcleos urbanos.