Comeza o xuízo polo accidente de Palmeira en que morreu unha parella da Pobra
Comeza o xuízo polo accidente de Palmeira en que morreu unha parella da Pobra
Un xurado popular decidirá se a condutora é culpable de dous homicidios imprudentes
A muller conducía a 130 quilómetros por hora e deu 1,37 mg en sangue na proba de alcolemia
A fiscalía pide catro anos de cárcere e a acusación particular solicita doce
Un xurado popular vai ser o que decida se María del Pilar Fernández Patiño é culpable de dous delitos de homicidio imprudente e outro de condución temeraria.
O xuízo comezou coa selección do xurado e a exposición inicial das partes. A fiscalía solicita para a acusada unha condena de 4 anos de prisión e unha multa de 4.320 euros e fixo fincapé na reincidencia da condución temeraria. A acusación particular elevou a petición de cárcere ata os 12 anos.
Declaración da acusada
A muller declarou que está a tratamento psiquiátrico polos malos tratos do seu exmarido e que non recorda os feitos. "Estaba inconsciente. Perdín dous litros de sangue... Non sei nada", dixo.
A condutora do BMW declarou que estivera bebendo pola mañá, que tomou a súa medicación e que colleu o coche para ir ver a súa médica.
A defensa mantén que a muller sofre unha alteración psíquica que foi agravada pola mestura de alcol e fármacos. Unha combinación que, ao seu xuízo, lle impediu comprender os feitos e a súa gravidade. Os peritos manifestaranse sobre este feito na sesión de mañá.
O accidente
Os feitos ocorreron o 4 de maio de 2019. A muller conducía un vehículo pola estrada que une Padrón e Ribeira a 130 quilómetros por hora cando chocou contra o coche en que ían unha parella da Pobra. Sara Lampón e Abraham Muñiz morreron como consecuencia das lesións. A proba de alcolemia da María del Pilar Fernández Patiño deu un resultado de 1,37 miligramos por litro de sangue.