Comeza esta semana o xuízo polo accidente de Angrois con dous acusados no banco
Comeza esta semana o xuízo polo accidente de Angrois con dous acusados no banco
Trátase dun macroxuízo con dous acusados, 446 persoas prexudicadas e medio milleiro de testemuñas
Celebrarase na Cidade da Cultura, na que será a maior sala de vistas da historia da xustiza galega
Despois de nove anos de instrución, esta semana comeza o xuízo oral polo accidente ferroviario do Alvia. Trátase dun macroxuízo con dous acusados e 446 prexudicados, os familiares dos mortos e dos feridos.
Para acoller tal cantidade de actores, as sesións vanse celebrar na Cidade da Cultura, na que será a maior sala de vistas da historia da xustiza galega.
O xuízo comezará o 5 de outubro nunha gran sala do edificio Zinc. O Xulgado Número 2 do Penal de Santiago non ten capacidade para o volume de xente que pasará nos vindeiros nove meses polo xuízo do sinistro do Alvia en Angrois en xullo de 2013.
A titular dese xulgado, a maxistrada María Elena Fernández Currás, ditará sentenza.
Dous acusados
Hai dous acusados, o maquinista, Francisco Garzón, e o exdirector de seguridade de ADIF Andrés Cortabitarte. Aos dous impútanselles 80 delitos de homicidio e 145 de lesións. Piden para eles 4 anos de prisión.
Garzón, o maquinista, estivo os dous anos posteriores ao sinistro de baixa. Volveu traballar nos talleres da ferroviaria ata a súa prexubilación. O xoves ou o venres declararán no xuízo oral. Hai 446 persoas prexudicadas agrupadas en 154 acusacións e asistidas por 110 letrados.
Medio milleiro de testemuñas
A xuíza admitiu declaracións de 522 testemuñas e 126 peritos. Cada día escoitará máis de quince testemuños. Están chamados superviventes, os dous veciños de Angrois que auxiliaron o maquinista nun primeiro momento, os policías...
Todo para chegar á verdade xudicial. Sábese o que pasou. O tren descarrilou na curva da Grandeira a unha velocidade de 191 quilómetros por hora cando a vía marcaba 80. Case dous minutos antes do impacto o maquinista recibiu unha chamada ao teléfono de empresa.
Houbo 80 persoas falecidas. Agora a xustiza dirá de quen foi a culpa, se foi un erro humano ou un mal estado das cousas.