Comezan a declarar ante o xuíz as vítimas da Maruxaina residentes fóra de Galicia
Comezan a declarar ante o xuíz as vítimas da Maruxaina residentes fóra de Galicia
Ratificaron, por videoconferencia, que foran gravadas sen permiso ouriñando na rúa
As vítimas do caso Maruxaina residentes fóra de Galicia comezaron a declarar ante o titular do xulgado de Viveiro que instrúe o proceso. A través de videoconferencia, ratificaron que durante as festas de San Cibrao de 2019 foran gravadas sen o seu consentimento mentres ouriñaban na rúa.
Mari Fraga, presidenta de Mulleres en Igualdade da provincia de Lugo: "Temos que lembrar que moitas delas viven fóra do país que tamén acudiron a San Cibrao con motivo da Maruxaina e que tamén foron gravadas. Elas van comezar hoxe a prestar declaración mediante videoconferencia".
As denuncias foran presentadas hai dous anos, cando as vítimas souberon que as súas imaxes foran difundidas en páxinas pornográficas de pagamento. Dende aquela, esta é a primeira vez que son escoitadas pola xustiza.
Mari Fraga, presidenta de Mulleres en Igualdade da provincia de Lugo: "É moi importante que se lles preste atención e se escoiten estas vítimas. Que o xuíz vexa o alcance real desta situación, o que están sentindo estas mulleres, para que deste xeito se tome conciencia ao ser xulgado".
Prevese que o xuíz que instrúe o caso continúe tomándolles declaración ás vítimas como mínimo ata finais de maio.