Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Silleda realízanse as probas de avaliación en competencias clave para acceder a empregos

En Silleda realízanse as probas de avaliación en competencias clave para acceder a empregos

Van dirixidas a aquelas persoas que non posúen a titulación da ESO ou a do bacharelato

Avalíanse as competencias en lingua galega, lingua castelá, inglés e matemáticas

Estes exames permiten acceder a cursos para acadar certificados profesionais

G24.gal 22/06/2024 14:37 Última actualización 22/06/2024 15:02

As probas de avaliación en competencias clave están dirixidas a aquelas persoas que non posúen a titulación da ESO ou a do bacharelato e que queren acceder a cursos de formación para acadar certificados profesionais.

Estes exames realízanse durante toda a xornada no recinto feiral de Silleda e están matriculadas unhas 2.500 persoas. Neste caso avalíanse as competencias en lingua galega, lingua castelá, inglés e matemáticas. 

"Eu presenteime a lingua castelá e a matemáticas e tiña que facelo porque non teño as competencias deses dous"; "Eu só me presentei ao galego e estivo moi fácil o exame, estiven estudando e practicando", din algúns dos examinados.

Deste xeito, superando estes exames teñen opción de continuar formándose e incrementar as súas posibilidades de inserción laboral.

"Desde a Consellería de emprego, comercio e emigración ofertamos con carácter anual, sacando unha convocatoria de axudas, con todas aquelas accións formativas que conducen a un certificado profesional de ata 26 familias profesionais", dixo Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

Entre elas, o ámbito sociosanitario, profesións vencelladas á economía dos coidados, tamén da construción, das enerxías renovables.

"Eu no meu caso teño o graduado escolar pero hai cousas para as que non me vale".
"Teño pensado facer un curso de xerocultora e esixen as competencias clave para poder ter saídas laborais para residencias e centros de día", engaden outros examinados.

Tamén se farán estas probas nos centros penitenciarios da Lama e de Teixeiro ou na Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual.

Como novidade este ano, no mes de outubro celebrarase unha nova convocatoria de probas para os que non conseguiran superar algunhas das competencias das que se examinan este sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade