O sector produtivo galego analiza como atraer talento para cubrir o emprego cualificado que precisa
O sector produtivo galego analiza como atraer talento para cubrir o emprego cualificado que precisa
No sector do metal e das tecnolóxicas e asociadas calculan que necesitan 5.000 traballadores; ata 1.700 na construción
A estratexia Galicia Retorna ou o Programa Arraigo Formación, dúas das ferramentas que ofrece o Goberno galego para facilitar a incorporación de talento foráneo
O sector produtivo galego trata de identificar as necesidades das empresas e romper barreiras para acceder a man de obra cualificada. Faino en distintas mesas de atracción de talento nas que poñen cifras. No sector do metal e das tecnolóxicas e asociadas calculan que necesitan 5.000 traballadores; ata 1.700 na construción.
Fernando García Novo, xerente da Fundación Laboral da Construción sostén que "temos que traballar para que a muller vexa unha saída profesional no sector da construción. Non podemos estar de costas ao 50 % da poboación activa"
Necesitan soldadores, tubeiros, mecanizadores, electricistas, encofradores... Oficios que queren facer atractivos á mocidade.
Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME destaca que "hoxe en día son contornos avanzados, cómodos, limpos, seguros e con boas retribucións para que se xubile aí, porque realmente hai moitísimas posibilidades"
Di que ofrecen formación e avanzan nas medidas de conciliación.
"Para nós é importante ter mecanismos para atraer o talento. Xa sexa mozos que queiran traballar neses oficios ou... estamos pensando en man de obra estranxeira ou xente que queira vir do exterior facer eses traballos", engade Rubén García, CEO do grupo Ganaín que traballa para os sectores aeronáutico, da automoción, mariño e offshore
No encontro afondaron na estratexia Galicia Retorna ou o Programa Arraigo Formación, dúas das ferramentas que ofrece o Goberno galego para facilitar a incorporación de talento foráneo.
José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración explicou que "a idea é pechar un formulario que nos permita coñecer con certeza as necesidades de emprego das distintas empresas para poder ir da man aos países de orixe buscar os que necesitamos".
Atinar cos perfís que necesitan e axudar a encontralos.