Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comezan os campamentos de verán para a rapazada

Comezan os campamentos de verán para a rapazada

Diversión para os cativos, conciliación para as familias 

G24.gal 22/06/2023 14:04

Cun sol de plastilina, a rapazada do Campus Sar dá a benvida ao verán. Rematou o cole e toca xogar, facer amizades, deporte e, sobre todo, poñerse a remollo. "O que máis mola é a piscina"; "A natación encántame moitísimo", din os nenos.

Que os nenos se divirtan é o fundamental, pero sen perder de vista outro grande obxectivo, que os seus pais teñan con quen deixalos mentres traballan. De feito, como novidade este ano aquí teñen servizo de comedor.

"Era un servizo moi demandado e este ano ofrecemos esa posibilidade de comedor e que veñan recoller os nenos ata as catro da tarde", explica Chelo Suárez, directora de comunicación no Multiúsos Fontes do Sar.

"Precisamente, facémolo para que as familias teñen máis tempo para traelos e recollelos. Así é máis levadío este mes que teñen que compaxinar o traballo con moitas horas libres da cativada", engade Antón Campos, monitor de tempo libre.

Malia os nervios propios do primeiro día, axiña comeza o balbordo e a rapazada colle confianza da man dos monitores.

"Veñen con moita ilusión e nola contaxian aos monitores, facemos bo equipo eles e nós", di un dos monitores.

Dependendo da semana do verán é difícil, pero non imposible, atopar aínda prazas libres. A maior demanda acumúlase en xullo.

"Hai campamento desde que remata o curso ata que comeza en setembro. O máis demandado é o mes de xullo, na primeira quincena sempre cubrimos prazas", comenta Chelo Suárez.

Sexa por uns días ou por todo o verán, o campamento semella unha boa forma de desconectar despois de nove meses de aulas, deberes e exames.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade