Comisan en Colombia máis de 1,3 toneladas de cocaína con destino a Vigo
Comisan en Colombia máis de 1,3 toneladas de cocaína con destino a Vigo
A droga estaba agochada nun contedor que transportaba bananas
As autoridades colombianas incautáronse nunha inspección a contedores realizada no porto de Cartaxena de Indias 1,3 toneladas de cocaína que pretendían ser enviadas nun transporte de bananas cara ao porto de Vigo.
Segundo os responsables da loita antidroga en Colombia, "o contedor foi contaminado en inmediacións da cidade de Santa Marta, onde a organización delincuencial conta con centros de provisión abastecidos con substancia procedente de laboratorios para o procesamento de cocaína situados en zonas de Norte de Santander e Cauca".
Igualmente, noutro operativo en Barranquilla a policía indicou que "a través dos controis, nas últimas horas logrou a incautación de 874 quilos de cocaína que estaban mesturados de forma líquida nunha carga tipo exportación de aloe vera que tiña como destino España", sen especificar o destino.
As dúas incautacións nos terminais de carga situados no norte de Colombia fan parte da operación Arcángel que centra o seu traballo en menoscabar o tráfico de cocaína.