Con 17 anos poderase conducir, pero só acompañados
Con 17 anos poderase conducir, pero só acompañados
A Eurocámara xa deu o seu aval a empezar a conducir con 17 de xeito progresivo e tutelado
Queda a negociación entre o Parlamento Europeo e os Vinte e sete
Ata o de agora, aquí en España con 17 anos, un só se pode presentar á proba teórica do carné de conducir. "Se podes sacar o teórico, xa podes estar preparado para conducir tamén", comenta un rapaz.
Iso é o que pensan nalgúns países, onde o permiso xa se pode obter aos 17 anos. Hai un tempo que se fala de exportar ese modelo a toda a Unión, e onte a Eurocámara deu un paso máis, dando o seu aval.
"O Parlamento Europeo agora ten unha negociación cos vinte e sete países e entón de aí, a ver que sae aínda, é dicir, queda un proceso", apunta Fernando Alonso, profesor de formación viaria.
Queda percorrido para que a proposta adquira rango de norma, pero na rúa xa se está formando unha corrente de opinión. En xeral a idea gusta. "A min paréceme ben", opina unha rapaza.
"Se se segue un proceso formativo adecuado, eu creo que pode ser unha boa idea. O modelo francés, por exemplo, que obrigan a facer 20 clases e logo acompañado durante dous anos eu creo que pode ser un modelo bo, logo hai que mirar a ver quen acompaña, non sei como van esixir, se dous anos de experiencia, cinco anos, a persoa que vai acompañalo", continúa Alonso.
Esa é a principal novidade, que os noveis sempre deberán ir acompañados dun condutor con experiencia. "Está ben para que así te sintas máis confiado"; "Se o primeiro ano vai acompañado dun adulto, incluso mellor"; "Con experiencia, claro, o adulto que teña experiencia de conducir, se non....".
O obxectivo é que os condutores noveis vaian gañando confianza antes de enfrontarse sós ao volante e mellorar así os malos datos que en seguridade viaria obteñen os máis novos.