Publicador de contidos
Publicador de contidos

Concentración de barcos bateeiros na Pobra para reclamar unha solución ao conflito da mexilla

Concentración de barcos bateeiros na Pobra para reclamar unha solución ao conflito da mexilla

Chegaron procedentes de todos os portos de Arousa para sumar na Pobra na súa demanda: que se retire a normativa que deixa en mans das confrarías a xestión da mexilla

G24.gal 01/05/2023 14:53

Nova protesta do sector bateeiro, que segue reclamando solucións ao conflito da mexilla. Desta volta, concentráronse coas embarcacións no porto da Pobra.

Chegaron procedentes de todos os portos de Arousa para sumar na Pobra na súa demanda: que se retire a normativa que deixa en mans das confrarías a xestión da mexilla, a semente que precisan para engordar os seus viveiros flotantes.

O presidente da Federación de Asociacións de Mexilloeiros Arousa e Norte, Alex Tubío, concreta a reivindicación: "Que se anule o artigo 13 do regulamento 2019 para que a xestión da mexilla volva a mans dos mexilloeiros, que é quen a ten que ter, e a partir de aí podemos falar do que queiran, estamos abertos a calquera diálogo e demáis. Pódense establecer zonas máis sensibles ás que non iremos nós mentres non vaian eles".

Eles son os percebeiros, cos que teñen un conflito aberto pola xestión das rochas. Os bateeiros defenden o seu regulamento e rexeitan un plan que abra por zonas en función do estado do recurso.

"Para nós é matarnos. Iso provoca que nos xuntemos moitos nas rochas, co perigo que ten para as vidas, que se estrague o recurso. Nós temos unha orde do 2000, que establece cantidades máximas a recoller, regula as licenzas, e establece os períodos. É dicir, que non esteamos regulados non é certo", engade Tubío.

Na busca de solucións piden que os reciba o presidente da Xunta. A Federación reúne 28 asociacións de bateeiros pero eles aseguran que conflito vai máis alá, porque afecta a cocedoiros, depuradoras ou comercializadores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade