Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comisan en Carnota máis de mil quilos de mexilla descargados de forma ilegal

Comisan en Carnota máis de mil quilos de mexilla descargados de forma ilegal

Axentes que estaban facendo un control de furtivismo descubriron como descargaban a mexilla dun barco no porto de Lira e a levaban directamente ao remolque dun coche 

G24.gal 20/03/2024 09:52

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña en colaboración co Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia incautou máis de mil quilogramos de mexilla, descargados de forma ilegal no porto de Lira, en Carnota.

Efectivos destes dous corpos estaban realizando un servizo de control do furtivismo e observaron como se descargaba dunha embarcación sacos que parecía que contiñan mexilla, e os levaban directamente a un remolque dun turismo, “incumprindo a obrigación da pesada antes da primeira venda”.

Cando comprobaron que finalizaran a descarga dos sacos, os axentes procederon á inspección do remolque e da mercadoría. Constataron que se trataba de mexilla, que tras ser pesada comprobouse que alcanzaba os de 1.002,66 quilos.

A Garda Civil procedeu á incautación da mexilla e a realizar as actas-denuncia por supostas infraccións á Lei 11/2008 de pesca de Galicia, por incumprimento da obrigación de pesada antes da primeira venda, comercialización fóra das vías legais e transporte dos produtos de pesca sen documentación regulamentaria.

A mexilla comisada entregouse en lonxa para a súa venda, quedando o importe retido a favor da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade