Condenado a 160 anos o asasino de Marta Calvo, Lady Marcela e Arliene Ramos
Condenado a 160 anos o asasino de Marta Calvo, Lady Marcela e Arliene Ramos
Jorge Ignacio deberá estar en prisión como máximo 40 anos
A presidenta do Tribunal do Xurado non considera aplicable a prisión permanente porque non fora condenado con anterioridade por delitos contra a vida
A Audiencia Provincial de Valencia condenou a penas de prisión que suman 159 anos e 11 meses a Jorge Ignacio Palma, o asasino da moza valenciana Marta Calvo, de Lady Marcela e de Arliene Ramos.
A sentenza, que o considera responsable doutros seis homicidios en grao de tentativa, aplica o veredicto emitido por un xurado popular e fixa indemnizacións por un total de 640.000 euros a favor das vítimas ou os seus familiares.
A Audiencia Provincial lembra na súa sentenza que, das penas de prisión impostas, o cumprimento máximo efectivo será de 40 anos. A Fiscalía mantiña a súa petición de penas que sumaban 120 anos de prisión, mentres que as acusacións solicitaran a pena de prisión permanente revisable.
Porén, a presidenta do Tribunal do Xurado non considera aplicable a prisión permanente porque non fora condenado con anterioridade por delitos contra a vida.
A maxistrada Clara Bayarri expón que os termos do artigo 140 do Código penal "son claros no seu tenor literal: a pena de prisión permanente revisable só pode impoñerse: ‘ao reo de asasinato que fose condenado pola morte de máis de dúas persoas’ (…) A lei utiliza o tempo verbal do pretérito pluscuamperfecto, tamén chamado antepretérito, que só pode facer relación a que fose condenado con anterioridade. O que non acaece no caso”, razoa
Segundo consta na sentenza, feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana, este colombiano de 40 anos foi condenado a cinco anos por un delito contra a saúde pública, xa que ofrecía cocaína ás súas citas.
Polos tres delitos de asasinato aleivoso consumado condénase a tres penas de 22 anos e 10 meses de prisión.
Como autor de seis delitos de asasinato en grao de tentativa, en concurso con delitos contra a liberdade sexual das súas vítimas, coa agravante de discriminación por razón de xénero, condénano a seis penas de 14 anos.
Por un delito contra a liberdade e indemnidade doutra das súas vítimas, condénase a dous anos e cinco meses.
Pola contra, o acusado foi absolto dun delito contra a integridade moral do que fora acusado e considera de oficio unha doceava parte das custas procesuais derivadas desta acusación.
Sete das mulleres que sobreviviron aos encontros sexuais con Jorge Ignacio Palma serán indemnizadas con 50.000 euros.
A irmá da falecida Arliene Ramos recibirá 70.000 euros; os dous fillos de Lady Marcela, 75.000 cada un, e a nai e o pai de Marta Calvo a cantidade conxunta de 70.000 euros.
Contra a sentenza cabe recurso.