Condenado a 27 anos de prisión o acusado do crime de Oza-Cesuras
Condenado a 27 anos de prisión o acusado do crime de Oza-Cesuras
A sentenza aínda non é firme, pois cabe presentar o recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xutiza de Galicia
A Audiencia Provincial da Coruña condena a 27 anos de prisión o home que matou unha muller en Oza-Cesuras, en xaneiro do 2021. Ademais, imponlle unha responsabilidade civil de 429.580 euros para a familia da vítima e os gastos derivados directamente dos seus delitos.
Deste xeito, é considerado culpable dun asasinato en concurso medial cunha violación de morada, con agravante de disfrace e tenza ilícita de armas. Así, o Tribunal do Xurado considérao culpable por unanimidade. Ademais, a sentenza dita que cometeu o delito nunhas condicións que aseguraban a morte da muller.
Sublíñase que non existe proba directa da súa autoría, porque "ninguén viu o procesado matar a vítima", pero si existe proba indiciaria.
A sentenza relata que o condenado, de 54 anos, accedeu sen permiso á vivenda da vítima o 15 de xaneiro do 2021. A muller atopábase convalecente dunha operación, e non puido escapar do home, que lle disparou na cabeza. O detido foi atopado pola Garda Civil nunhas silvas, pouco despois de cometer o asasinato, pois caeu alí, cando intentaba fuxir da escena do crime.
Descártase a versión do acusado, que se defendera dicindo que el acudira á casa para realizar un roubo co obxectivo de conseguir diñeiro para drogas. Ademais afirmou que o disparo mortal foi executado por un compañeiro. Ese compañeiro nunca foi atopado durante a instrución.
A Fiscalía e a acusación particular apuntan a unha posible vinganza como móbil, pois a vítima estaba casada cun compañeiro de traballo da muller do acusado. O home tiña a sospeita de que existía unha relación entre o marido da vítima e a súa propia muller.