Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenado a catro anos de cárcere un home que atropelou un veciño en Outes

Condenado a catro anos de cárcere un home que atropelou un veciño en Outes

G24.gal 25/01/2024 17:58

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos de cárcere un home que tentou matar un veciño atropelándoo en Outes.

Segundo a sentenza do 17 de xaneiro feita pública este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o tribunal considerouno autor dun delito de tentativa de homicidio, coa eximente incompleta de anomalía psíquica.

Ademais da pena de prisión, o tribunal tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse á vítima, á súa muller e aos seus fillos, e a de comunicarse con eles por calquera medio, durante dez anos.

Condenouno así mesmo a unha medida de liberdade vixiada, consistente en tratamento psiquiátrico en réxime externo e a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores, co límite máximo das medidas de nove anos.

Segundo a sentenza do tribunal, o 4 de xullo de 2022, o acusado achábase pola noite na estrada da praia de Broña, en Outes, no interior dun vehículo da súa propiedade, cando viu pasar camiñando un veciño da localidade “co que mantiña inimizade desde había anos e que foi xerando un profundo resentimento”.

Tras comprobar que se dirixía tirar o lixo do bar que rexentaba, “decidiu aproveitar esa circunstancia e, con intención de atropelalo, conduciu en dirección prohibida ata chegar á altura da vítima e levándoa por diante.

Como consecuencia do impacto, o afectado bateu contra o capó do vehículo e caeu ao chan.

Tardou 73 días na súa recuperación. Como secuela ten lesións no xeonllo e un prexuízo estético moderado ocasionado por catro cicatrices, polo que o tribunal aprecia dano moral por perda de calidade de vida.

A sala destaca que o procesado, no momento dos feitos, tiña as súas facultades intelectivas e volitivas sensiblemente diminuídas debido a que padecía un trastorno do desenvolvemento, un rendemento cognitivo inferior á media e uns trazos esquizotípicos da personalidade, encadrables neste caso dentro dos trastornos psicóticos.

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de apelación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade