Un veciño de Rois conduce drogado, sen puntos e sen ITV
Un veciño de Rois conduce drogado, sen puntos e sen ITV
Deu positivo en anfetaminas e THC, un resultado indiciario que está pendente de confirmarse no laboratorio
Un home de 30 anos, veciño de Rois, A Coruña, foi interceptado pola Garda Civil conducindo por Valga, en Pontevedra, drogado, sen puntos no permiso de conducir e coa ITV do seu coche caducada.
O condutor, que será investigado por un delito contra a seguridade viaria, foi identificado nun control que unha patrulla do destacamento de Tráfico de Pontevedra estaba a realizar na estrada PO-548.
Tras darlle o alto ao seu vehículo, os axentes comprobaron que o condutor non tiña o permiso de conducir vixente, xa que previamente perdera todos os seus puntos.
Ademais, nas probas de alcol e drogas deu positivo en anfetaminas e THC, un resultado indiciario que está pendente de confirmarse no laboratorio.
A terceira das infraccións, segundo explica a Garda Civil, correspóndese co estado técnico do coche, xa que tiña a ITV caducada.