Coñecéronse nun video promocional e fixéronse inseparables
Coñecéronse nun video promocional e fixéronse inseparables
Silvia e Leo son os protagonistas. Ela é unha veciña de Poio e el é o can máis lonxevo da canceira deste municipio. Ese vídeo estreouse en Fitur.
Silvia namorouse do animal e acabou adoptándoo. A el e a súa inseparable compañeira Onza, outra cadeliña maior con moi poucas esperanzas de atopar un fogar.
Así comeza este vídeo promocional, protagonizado por Silvia, unha veciña de Poio implicada e comprometida. "E se un día inesperadamente, atopas o teu destino?".
Con ese lema tan prometedor, iniciou a súa andaina coa súa proxección en Fitur, pero... a verdadeira historia deste vídeo coñecémola despois. Leo é o outro protagonista que chega a Silvia precisamente a través dese fío condutor que a día de hoxe non foron capaces de romper.
"Despois dese vídeo de Fitur foi coma unha cousa como máxica, e, a verdade, dende o primeiro momento, estiven dándolle á idea de poder adoptalo".
Tardaron una semana en decidirse. Silvia, o seu marido e o seu fillo deron o paso. O que non sabían era que con Leo viría tamén Onza, a cadela da que era inseparable, xa que ambos apareceron xuntos e en moi malas condicións. Rosa é unha das coidadores da canceira municipal de Poio.
"Estaban tirados nunha estrada. Xa estaban completamente exhaustos, só eran pel e ósos. Leo estivo bastante maliño, custoulle saír adiante".
Pasaron sete anos na canceira, son cans moi maiores. A iso súmase que son animais considerados perigosos, polo cal, Silvia tivo que realizar varios trámites para poder adoptalos, entre eles un psicotécnico. Pero, asegura que mereceu a pena.
"Todo o mundo di que sorte teñen, que lle ides dar moito cariño. A verdade, está sendo ao revés. Tanto o meu marido como o meu fillo e eu estamos encantados".
A historia de Leo e Onza, por sorte terá un final feliz. Dous cans maiores aos que Silvia dará unha feliz xubilación. Agardan que non sexan os únicos. Nesta canceira de Poio, por exemplo, hai outras trinta historias dignas de coñecer. Cada unha delas agarda unha nova oportunidade.