O Goberno restrinxe os voos procedentes do sur de África
O Goberno restrinxe os voos procedentes do sur de África
Analizan tres casos sospeitosos da nova variante ómicron en Madrid e Cataluña
O proxecto de Lei audiovisual introduce garantías para a promoción das linguas cooficiais do Estado
O Consello de Ministros restrinxirá os voos procedentes do cono sur de África a partir do vindeiro día 2 de decembro e ata o 15 do mesmo mes, como consecuencia da expansión da variante ómicron do coronavirus.
Anunciouno a voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, que explicou que só se permitirá a chegada de voos que transporten cidadáns españois, residentes en España ou en Andorra. No caso de voos que fagan escala en España, esta non poderá ser de máis de 24 horas e os pasaxeiros non terán permitido saír da zona de tránsito.
Outras medidas xa anunciadas con anterioridade afectan a viaxeiros que procedan de Suráfrica, Mozambique, Botswana, Namibia, Zimbabue, Esuatini e Lesoto. Todos eles deberán gardar corentena de 10 días, presentar pasaporte covid de vacinación e obter unha PCR negativa antes de subir ao avión. Á súa chegada a España, deberán ademais realizar un test de antíxenos.
Isabel Rodríguez quixo destacar que "España é un país seguro, segue liderando os índices de vacinación e é o país con menos incidencia na nosa contorna". Engadiu que a receita para iso é "unha aposta clara pola vacinación e manter as medidas de prevención".
Máis casos sospeitosos
Cataluña investiga dous casos sospeitosos da variante ómicron e Madrid, un máis. Os tres son viaxeiros procedentes de Suráfrica que viaxaban con PCR negativa, pero deron positivo nos cribados do Prat e Baraxas. O home de 51 anos en que se detectou o primeiro caso da ómicron en España atópase ben, sen síntomas. Estaba vacinado coa pauta completa, igual que o outro caso sospeitoso en Madrid.
"Están en illamento, non en hospital, con síntomas leves. Estaban vacinados con pauta completa de Pfizer", explica o conselleiro de Sanidade da Comunidade.
Os investigadores estudan a resposta das vacinas á nova variante. Moderna dubida da súa eficacia fronte a esta cepa, mentres que Pfizer anuncia que en cen días pode ter unha nova vacina adaptada á ómicron.
"Nunhas poucas semanas se poden ter vacinas fronte ás novas variantes. Tampouco hai que asustarse demasiado", di este investigador do CSIC.
O Goberno confía na vacinación para evitar extremar as medidas. O Executivo pide tranquilidade e insta a manter a responsabilidade exemplar durante a próxima ponte. Coa incidencia nos 200 casos por 100.000 habitantes, algunhas comunidades apostan por retroceder. O País Vasco activará a emerxencia sanitaria logo de que o Supremo avalara o pasaporte covid para a hostalería, e insta a recuperar o uso obrigatorio da máscara en exteriores.
Minuto a minuto
O Goberno concédelle á escritora Almudena Grandes a título póstumo a medalla de ouro ao mérito nas Belas Artes
O Goberno suspende voos co sur de África. Ademais, os pasaxeiros procedentes destes territorios deben gardar corentena de dez días.
O Consello de Ministros aprobou o proxecto de Lei audiovisual que adapta a lexislación española á normativa europea e introduce garantías para as linguas cooficiais do Estado nos medios de comunicación. Tamén incorpora novidades no ámbito da publicidade, entre outras medidas.