Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confirmada a condena de 20 anos de prisión para o home que asasinou a súa veciña na rua Zamora de Vigo

Confirmada a condena de 20 anos de prisión para o home que asasinou a súa veciña na rua Zamora de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifica ademais o asañamento co que cometeu o crime o condenado

G24.gal 07/05/2024 16:08

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación interposto contra a sentenza da Audiencia de Pontevedra (en base ao veredicto dun tribunal de xurado) que condenou ao procesado a 20 anos de cárcere por asasinar a súa veciña na rúa Zamora de Vigo, en outubro de 2022, e confirmou a pena.

Así, na vista de apelación, a representación do acusado argumentou que se produciu unha indefensión ao non permitirse practicar proba para demostrar que Pablo sufrira un trastorno mental transitorio. Igualmente, pediu que se anulase a circunstancia agravante de asañamento, e que se apreciase que padeceu unha "lagoa amnésica".

O TSXG subliñou que, segundo os forenses, o acusado estaba en plenas facultades intelectivas e volitivas; e as propias testemuñas descartaron que tivese unha conduta estraña cando foi detido, momentos despois do crime, tal e como recolleu o xurado no seu veredicto.

Ratifica o asañamento

En canto ao asañamento, o TSXG subliñou na súa sentenza que a vítima sufriu o ataque con coitelo en tres acometidas. A primeira foi unha puñalada por detrás e a segunda no abdome, esta "necesariamente mortal"; a terceira acometida, sinala o tribunal, o acusado fíxoa "con intención de rematala pero tamén de incrementar o sufrimento da vítima". Respecto diso, apunta que esa terceira ferida presentaba tres traxectorias interiores, xa que Pablo moveu o coitelo dentro das entrañas da muller, "sendo perfectamente consciente" de que esta coitelada "era necesariamente dolorosa e inútil ao propósito de matar, por estar xa a vítima ferida de morte".

Ademais, expón que tamén existiu o factor do "sufrimento psíquico" da muller, que "advirte esa inminencia da morte e a imposibilidade de evitala".

Por todo iso, o TSXG desestimou o recurso e confirmou integramente a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, incluídas as indemnizacións aos pais e filla da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade