Confirman que a carga do mercante refuxiado en Vigo non entraña ningún risco
Confirman que a carga do mercante refuxiado en Vigo non entraña ningún risco
Expertos confirman que os danos só afectan a estrutura externa dos contenedores e a carga de obuses atópase correctamente estibada
A Autoridade Portuaria concluíu que a carga do buque HC EVA Marie, que ía cargado de obuses e refuxiouse no porto de Vigo, non supón un risco porque está "perfectamente estibada e sen danos".
A carga do buque sufriu un desplazamento debido ao temporal Éowin, con ondas superiores aos 10 metros, o que obrigou ao barco a buscar refuxio no porto de Vigo, unha vez se validou que non supoñía un perigo para as persoas e infraestruturas.
O pasado sábado, un enxeñeiro experto procedente da empresa cargadora, o capitán e o persoal de seguridade do buque, responsables da consignataria e o xefe de División de Seguridade da Autoridade Portuaria avaliaron o estado dos contedores afectados e a operativa.
Nesa inspección a bordo, confirmouse que os danos sufridos só afectan á estrutura externa dos contedores que viaxan a bordo do buque, pero en ningún momento á mercadoría que transportan, xa que, nos contedores inspeccionados, a carga atópase correctamente estibada e dentro das caixas de protección.
Ademais, a empresa cargadora precisou que a carga vén desmontada, tal e como establecen as normas internacionais para o movemento desa mercadoría, e perfectamente trincada dentro de cada contedor, "polo que non supón ningún tipo de risco".
Os contedores serán recolocados
A empresa cargadora desenvolve o plan de seguridade e este luns celebrouse unha reunión de coordinación nas oficinas centrais do Porto coa presenza de todas as partes afectadas. O plan consistirá en mover os contedores que non sufriron danos a outra adega baleira, illando os afectados.
Unha vez illados, persoal especializado neste tipo de carga que viaxará a Vigo nas próximas horas inspeccionará os contedores e será o encargado de mover a carga que se atopa nos nove danados a outros baleiros que xa están preparados. Esta operativa realizarase a bordo do propio buque e, en ningún momento, desembarcarase a mercadoría no peirao.