Conflito entre industrias e gandeiros polo prezo do leite
Conflito entre industrias e gandeiros polo prezo do leite
Os produtores ven inxustificadas as baixadas e falan de "complot"
A industria di que os prezos actuais non son competitivos
Segundo as industrias leiteiras, os altos prezos que cobran os gandeiros galegos fan que o leite e os seus derivados perdan capacidade de competir e favorezan a entrada de produtos foráneos. Estas declaracións do presidente das industrias teñen en pé de guerra os produtores. Din que dende abril cobran menos cada mes, pero nos expositores os lácteos seguen subindo. E advirten ás industrias que unha presión excesiva pode levalas tamén a elas por diante.
Os gandeiros xa cobran por baixo dos 45 céntimos o litro fronte aos 57 de hai dez meses. Ademais, estanlles a ofrecer contratos en que se paga por tramos e non por volume total. E todo, nunha situación en que os custos de produción seguen subindo e en que a seca reduciu a colleita de forraxes. Polo de agora, demandan reunións sectoriais, pero non se desbotan mobilizacións.
Galicia supón xa o 60 % da produción leiteira de España, pero dende que hai rexistros, o leite galego foi sempre o máis barato do Estado; actualmente, a diferenza con outras comunidades autónomas é de ata cinco céntimos por litro.