Consellos para o éxito empresarial

Mil directivos de grandes compañías de toda España reúnense hoxe en Santiago nun encontro sobre liderado

Desde hai nove anos e por quendas van ofrecendo uns aos outros os seus segredos para sortear as dificultades

G24.gal 22/11/2023 14:19

Mil directivos de grandes compañías de toda España reúnense hoxe en Santiago nun encontro sobre liderado. Xúntanse desde hai nove anos para esta posta en común. E cada ano dez deles ofrecen aos demais unha serie de consellos para sortear as dificultades e acadar o éxito das súas empresas.

Trátase dun enfoque centrado no aspecto máis humano do liderado empresarial. Os relatores que participaron neste encontro falaron, por exemplo, de que para que unha empresa teña éxito non só ten que perseguir os seus obxectivos económicos senón exercer a responsabilidade social no contexto en que está inserta.

Co auditorio do Pazo de Congresos abarrotado, e conducidos polo noso compañeiro Terio Carrera, os grandes empresarios reúnense sobre todo para escoitarse. O obxectivo é acabar a xornada con 100 consellos daqueles que consolidaron nas súas empresas unha traxectoria exitosa. O caso, por exemplo, de Pharmamar, con tres antitumorais no mercado. Di o seu presidente que ten detrás a perseveranza e, sobre todo, a audacia.

 "Apostamos polo mar como fonte de fármacos, iso era unha novidade porque ningún antitumoral antes era de orixe mariña. Esa é unha das ideas que eu deixei hoxe aquí, que non hai que ter aversión ao risco, que hai que tomar riscos", declarou José María Fernández, presidente de Pharmamar.

"Creo que desde as posicións de liderado que temos en diversas compañías e en diversos sectores podemos estar axudándonos uns a outros. Isto vai diso, de colaborar, de coidarse, de ser xeneroso e compartir, e un dos consellos que eu vou dar é ter esa xenerosidade de facer que aos demais lles vaia mellor", engadiu Jordi Trias, presidente de Stolt Sea Farm. 

Coopetir, chámalle a competir cooperando. Os consellos deste empresario líder en acuicultura foron empatía e actitude de servizo co contorno e no interior da empresa, menos decisións verticais e máis escoita e valoración do talento.

 "Un denominador común de todas as mensaxes é que temos que ter equipos motivados, persoas apaixonadas. Temos que desenvolver o talento que hai na propia empresa e conseguir como directivos que todas as persoas que están na empresa teñan ganas de ir traballar", remachou Joaquín Dosil, presidente de Libredon e organizador do evento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade