Constrúen un muro de pedra e déixanlle o coche encerrado dentro dunha leira
Constrúen un muro de pedra e déixanlle o coche encerrado dentro dunha leira
O conflito entre dous veciños de Vilaboa pola propiedade dun terreo ten neste suceso o seu último episodio
Un feito insólito, un coche nunha leira que ten tapiada a rampla de acceso, consecuencia de algo tan repetido como é a loita pola propiedade duns metros de terra. É o que estar a pasar neste lugar de Santa Cristina de Cobres, pertencente ao concello de Vilaboa.
O dono da parcela en que está o coche encontrouse o pasado 15, ben cedo por certo, con que por orde do dono da leira lindeira estaban acabando de levantar o muro na entrada da súa, e co seu coche dentro.
"O dono da leira do lado considera que é terreo del e que pode pechar o que é o acceso ao noso terreo desde 2008", conta Rubén Acuña, propietario do coche.
Polo que explica Rubén, o obxectivo final do veciño é impedirlle que soterre por aquí a tubaxe de conexión da súa casa á rede municipal de sumidoiros. O prexudicado critica a actitude do Goberno municipal de Vilaboa.
"Desamparados, completamente, polo caso omiso. Estou agardando a que o Concello responda a un escrito meu do primeiro de setembro cando souben que o veciño ía facer o muro. Pido paralización dese permiso e sigo agardando", explica.
O coche leva unha semana dentro da leira tapiada e, mentres, o alcalde considera que a disputa require da acción dun perito e a presentación de denuncia para que a xustiza decida.