Publicador de contidos
Publicador de contidos

Continúa a busca da muller desaparecida dende o martes en Trazo

Continúa a busca da muller desaparecida dende o martes en Trazo

Benedicta Pereiro desapareceu o pasado martes e o operativo de busca estase centrando no seu lugar de nacemento

G24.gal 20/11/2021 14:01

Ata corenta efectivos entre equipos de busca e veciños están a rastrexar dende esta mañá unha liña de sete quilómetros que atravesan os concellos de Trazo e Tordoia, preto de Santiago de Compostela, na procura dunha veciña, con párkinson e alzhéimer, e da que non se sabe nada dende o pasado martes.

"Estamos buscando todas as entradas porque é unha persoa maior. Supoño que andaría polas pistas e comprobamos algunha entrada onde se puidese meter. Non penso que se metera moito no monte porque a mobilidade da muller non penso que fose tan boa", comenta un dos participantes no operativo.

As baixas temperaturas dos últimos días e o amplo terreo a comprobar dificultan a busca, xa que a muller estaba afeita a andar e agora sospeitan que puidera dirixirse cara ao lugar de Vilarchán, en Tordoia, onde naceu. A familia non perde a esperanza.

"Estamos buscando por aquí porque puido vir en dirección cara o cemiterio, porque está aí o meu pai soterrado.  Pero tamén están os seus pais soterrados. Aínda así non creo que collese por aquí", comenta Nieves Fraga Pereiro, filla da desaparecida.

Dende o concello de Trazo solicitan a colaboración da veciñanza para tentar localizala e piden que se alguén ten información sobre o paradoiro da muller, poden comunicala ao teléfono do concello de Trazo ou ben á Garda Civil.

Benedicta Pereiro ten 77 anos, mide algo máis de metro e medio e no momento da súa desaparición levaba un xersei azul e un pantalón granate.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade