Continúa a busca de vítimas tras a derruba dunha ponte na India
Continúa a busca de vítimas tras a derruba dunha ponte na India
Detidas nove persoas logo do accidente, que deixa polo menos 135 vítimas mortais
Continúa a busca de vítimas tras o derrubamento da ponte que atravesa o río Machchhu, na localidade india de Morbi, no estado de Gujarat (oeste do país). Ata o momento, confirmouse o falecemento de 135 persoas. Outras 170 foron rescatadas con vida.
O primeiro ministro da India Narendra Modi visitou este martes o lugar do accidente e insistiu na necesidade de coñecer as causas da traxedia para dirimir responsabilidades.
"É necesario facer unha investigación detallada e extensa que identifique todos os aspectos relacionados con este contratempo", asegurou tras manter unha xuntanza coas autoridades rexionais.
O accidente ocorreu o domingo pola tarde, cando os cables da ponte colgante, sobre a que camiñaban centos de persoas, comezaron a ceder e provocaron o esborrallamento da estrutura.
Reapertura tras a súa renovación
Nos últimos días, milleiros de persoas visitaran a ponte tras a súa reapertura, o pasado 26 de outubro, despois de case sete meses pechada para a súa renovación.
O paso peonil de case 150 anos de antigüidade, construído durante a época colonial británica, era unha concorrida atracción da localidade.
Tras o accidente, detiveron polo menos nove persoas, entre elas dous xerentes da empresa Oreva, encargada da renovación da infraestrutura descrita como unha "marabilla da enxeñería" cando se construíu.