Continúa a busca do autor do tiroteo de Maine que causou dezaoito mortos

O sospeitoso, Robert Card, é un militar na reserva, de 40 anos, que no verán estivo ingresado nunha institución mental

O presidente dos Estados Unidos Joe Biden volveu pedir aos republicanos un acordo para prohibir as armas de asalto

G24.gal 26/10/2023 20:28 Última actualización 26/10/2023 20:46

Ao amencer do outro día continuaba a caza do home. Espertaba a cidade de Lewistone, Estado de Maine. 40.000 habitantes, e parecía habitada unicamente por forzas de seguridade. Coas clases suspendidas e a orde de permanecer nas casas, centos de efectivos buscaban o presunto autor do dobre tiroteo.

"Dezaoito persoas perderon as súas vidas e trece quedaron feridas nos ataques da noite pasada", confirmou Janet Mills, gobernadora de Maine.

Ocorreu o mércores á tarde, contra as sete hora local. Voaron os disparos nun restaurante e nunha sala de birlos en que había unha competición xuvenil. As cámaras de seguridade sinalaron a Robert Card, militar na reserva e instrutor de tiro de 40 anos, que este verán pasado estivo dúas semanas ingresado nunha institución mental. Localizaron o seu coche a 12 quilómetros da cidade do ataque. "O fuxitivo vai armado e é perigoso", advertiron as autoridades. 

"Se alguén o ve, non debe achegarse a Card nin establecer contacto de ningún xeito", dixo Mike Sauschuck, comisionado de Seguridade Pública de Maine.

Sete persoas morreron na sala de birlos, oito no restaurante e outras tres xa no hospital. Este resultado levou bandeiras a media hasta á Casa Branca. O presidente dos Estados Unidos Joe Biden volveu pedir aos republicanos que acepten chegar a un acordo para prohibir as armas de asalto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade